A REDE CONXO-COMPOSTELA SUR xurde en xaneiro do ano 2009 da necesidade observada dende o departamento de Orientación do IES Eduardo Pondal de formalizar as accións que, dun xeito natural, se viñan desenvolvendo entre as distintas entidades e servizos da comunidade social e educativa deste barrio.
Conscientes que ningunha entidade por si soa é capaz de resolver os problemas da poboación, e que só integrando esforzos se produce un maior impacto na poboación obxectivo, hoxe en día somos 16 entidades as que traballamos no proxecto común de darlle un novo impulso ao tecido social. Así, realizamos actuacións que melloran o benestar da comunidade, e que xeran estratexias de traballo tendo en conta as potencialidades dos organismos e entidades , que á vez, forman o inventario de recursos con que conta a rede.
A inclusión nesta plataforma virtual supón para os profesionais da rede o desenvolvemento dun modelo de traballo que mellora a coordinación, a cooperación e a difusión das distintas entidades, coa idea común de optimizar os recursos existentes. Esta ferramenta, ademais de permitir compartir información entre os integrantes da rede, posibilita a creación de sinerxias coa comunidade, contribuíndo a visibilizar o labor que se está a realizar e achegando á cidadanía os servizos á súa disposición para dar resposta ás súas necesidades.