Redes


Rede de Inserción Sociolaboral

Ao longo da historia do Plan de Inclusión, implantado no Concello de Santiago de Compostela desde o ano 2001, vense colaborando puntualmente con diferentes organizacións e entidades de iniciativa social da cidade que desenvolven un traballo semellante ao noso: colaborar na inserción social e laboral de colectivos en risco de exclusión social.

 

Sen embargo, e a pesar dos froitos positivos que esta colaboración deparaba, atopábamos vacíos en diferentes espazos, tal  como o coñecemento detallado de todas as entidades que traballabamos na cidade ou a carencia dunha actividade conxunta e coordinada. Decatámonos neste momento de que tiñamos que deixar de traballar de xeito individual para comezar a artellar unha estratexia conxunta que repercuta nunha maior eficacia no noso traballo e, sobre todo, que mellore a atención ás persoas atendidas..

 

Froito desta inquedanza, organízase unha primeira xuntanza en xuño do ano 2008, na que se propón a diferentes entidades a posibilidade de organizar un espazo de encontro para compartir actividades, aberto a todas as entidades que na cidade traballan no eido da inserción sociolaboral. O resultado positivo da iniciativa animounos a seguir traballando, procurando aunar intereses e expectativas de todas as entidades,  e perfilando diferentes iniciativas xurdidas dos nosos encontros.

 

A primeira delas foi a organización dunha xornada que baixo o título “Redes de Iniciativa Social”, reuniu o 11 de marzo de 2009 na cidade a representantes de diferentes experiencias xa en funcionamento no territorio nacional (Barcelona, Valencia, A Coruña...), que nos amosaron a súa experiencia, acertos e erros, e abriron un camiño a seguir pola nosa iniciativa..

 

Paralelamente, considerouse a necesidade dun espazo permanente de intercambio de información, espazo virtual que nos permitise manternos en contacto e compartir as nosas inquedanzas, proxectos, recursos e actividades de xeito áxil e constante. Esta ferramenta ve a luz no ano 2009, coa creación desta web, que esperemos responda ás necesidades e expectativas polas que foi concebida.


Entidades que colaboran coa rede:


© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)