A UAMI (Unidade de Atención ás Migracións) da Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Santiago de Compostela é a oficina municipal encargada de facilitar información, orientación e asesoramento xurídico e socio-laboral a emigrantes retornados e inmigrantes, froito dun convenio asinado entre a Secretaría Xeral de Emigración e o Concello de Santiago.
As principais actuacións que está a desenvolver son as seguintes:
- Informar a estes colectivos sobre a situación xurídica e trámites administrativos a realizar dada a súa condición de inmigrante ou emigrante retornado.
- Asesorar na tramitación de permisos de residencia, traballo, visados, adquisición da nacionalidade, agrupamento familiar, e calquera outros trámites administrativos que este colectivo precise, así como as prestacións sociais, educativas ou sanitarias ás que tivesen dereito.
- Facilitar todo tipo de información acerca de programas formativos e de orientación e inserción laboral e outras axudas ás que poidan ter acceso e que faciliten a súa inserción no mercado laboral.
- Promover a incorporación dos inmigrantes ás redes sociais e á vida comunitaria, incluso a traveso de intervencións individuais e familiares.