Novas

03/07/13

MEMORIA DE ACTIVIDADES DO PROXECTO TROCAME-ROQUE

A concelleira de Benestar Social, María Castelao, presentou en rolda os resultados desta iniciativa, froito da colaboración entre o Concello de Santiago e as entidades socioeducativas do barrio das Fontiñas.

O proxecto de mercadiño solidario Trócame Roque, que se levou a cabo en Área Central o venres 14 de xuño, naceu froito do traballo comunitario e en rede e pretendía buscar financiamento para unha necesidade social do barrio, canalizado a través dunha entidade de iniciativa social da zona (Cruz Vermella). Neste caso tratábase da dotación de equipamento básico urxente para unha vivenda, iniciativa na que o Concello colabora tamen cunha doazón de mobles. Pero ao mesmo tempo tamén se pretendía apoiar unha actividade comunitaria facendo que se implicasen os máis novos.

Arredor de 450 persoas visitaron os 18 postos do mercadiño, atendidos por un total de 47 menores implicados na organización do evento. Finalmente, recadáronse 360,43 euros. A Comisión organizadora valorou moi positivamente a actividade, resaltando que houbo unha maior participación do previsto, que se xerou unha boa convivencia, que a duración do mercadiño foi superior dado o bo ambiente, e que os rapaces e rapazas participantes pediron repetir a experiencia. Quixeron agradecer o traballo de todos os participantes, o apoio do Concello e doutras entidades como Área Central e Leroy Merlín.

María Castelao quixo facer fincapé en que con esta iniciativa tamén se conseguiron outros obxectivos como fomentar a participación e a dinamización social na zona, reforzar os espazos de encontro e a vida comunitaria, nos que estean presentes os valores da igualdade e da solidariedade socia; implicar e integrar a tódolos axentes sociais do barrio nunha mesma actividade; activar procesos de solidariedade entre a veciñanza, facéndoos conscientes de necesidades do barrio; impulsar actividades nas que nenos, nenas, mozos e mozas sexan os protagonistas; concienciar aos menores sobre a realidade social e comunitaria na que viven e espertar neles iniciativas de índole solidaria; e ofertar aos máis novos a posibilidade de que sexan a voz que transmita novas iniciativas comunitarias.

Co financiamento obtido e coas colaboracións tamén se vai realizar a mellora do espazo próximo ao parque infantil da rúa Londres, co deseño e realización dun circuíto que reflicta a estrutura urbanística do barrio e se converta nun elemento máis que apoie o xogo infantil, actividade que será realizada, previsiblemente, no primeiro trimestre do vindeiro curso escolar, por alumnado do IES Antonio Fraguas.

Documentación relacionada


© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)