10/06/13
PRESENTACION DO PROXECTO TROCAME-ROQUE
O pasado 7 de xuño de 2013, a Concelleira de Servizos Sociais, Dona María Castelao e unha comisión das Xuntanzas de Barrio de Fontiñas (formada por Dona Mª Dolores Sanz, orientadora do IES Antonio Fraguas; Alicia Castelo, educadora social do Programa de Apoio a Familias Abeiro; Eva Ramos, educadora social do devandito programa; Isabel Suárez, coordinadora do Equipo da Fundación Secretariado Xitano de Santiago de Compostela; e Pablo Méndez, técnico de Xuventude da Cruz Vermella de Santiago) presentaron o PROXECTO SOLIDARIO TROCAME-ROQUE.
Esta mercado súmase á ampla gama de actividades que vén realizando o grupo comunitario do barrio de Fontiñas. O seu obxectivo é fomentar a dinamización social na zona, reforzar o tecido asociativo do barrio, reforzar os espazos de encontro, activar os procesos de solidariedade e concienciar aos máis novos sobre a realidade social e comunitaria.
Nenos e mozos entre 8 e 18 anos serán os protagonistas deste mercado, baseado na venda ou no troco de produtos feitos a man por eles mesmos ou artigos de segunda man (cómics, libros, xogos, xoguetes, videoxogos, CDs, DVDs…). Logo, cada posto doará a cantidade que, en conciencia, considere debe achegar.
Co recadado con este mercado preténdese contribuír a sufragar un proxecto solidario no propio barrio de Fontiñas e a apoiar unha iniciativa comunitaria de mellora do espazo próximo ao parque infantil da rúa Londres.
Arredor do mercado celebráranse outras actividades. Así, ás 16:30 horas, inaugurarase o evento coa actuación musical do coro de alumnas e alumnos do IES Antonio Fraguas, dirixido polo profesor Carlos Encisa.
Durante a tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas, desenvolveranse diversos obradoiros promovidos pola Cruz Vermella (xogos de grupo dinamizados por voluntariado e obradoiros de manualidades); o Centro de Información á Muller (decoración de bolsas coa temática "Bolsas polo troco"; e pola UMAD (obradoiro de breakdance). Pecharanse as actividades ás 19:00 horas, cunha exhibición de breakdance a cargo da Asociación Vella Escola e dos alumnos da Escola Municipal de Breakdance.
Tamén se instalará unha mesa informativa na que se difundirá o traballo das distintas entidades sociais, educativas e sanitarias do barrio. Alí haberá mostras do material que, dende o eido comunitario, se vén elaborando nos quince anos de traballo.
Durante a xornada proxectaranse diferentes vídeos que amosan as actividades realizadas no barrio de Fontiñas.
Documentación relacionada