26/02/13
Os nenos do CEIP de Vite prepararon o Entroido cos avós nun obradoiro interxeracional
O CEIP de Vite acolleu o desfile de disfraces e a entrega de premios ás mellores máscaras realizadas no obradoiro Preparando o Entroido cos avós e coas avoas, actividade interxeracional organizada polo Equipo de Dinamización Social do Urbana Santiago Norte xunto coa dirección e profesores do centro. O concelleiro Albino Vázquez asistiu ao evento.
O Equipo de Dinamización Social do programa Urbana Santiago Norte e a dirección e profesorado do CEIP de Vite quixeron colaborar na posta en marcha duns obradoiros con motivo do Entroido. Partindo desta idea inicial, consideraron a incorporación a estas actividades de persoas maiores afectadas pola enfermidade do Alzheimer que acoden diariamente ao Centro de Día da asociación Agadea situado no Centro Sociocultural de Vite.
Dende o 30 de xaneiro ata o 8 de febreiro, viñéronse desenvolvendo a diario diferentes obradoiros, consistentes fundamentalmente nunhas sesións lúdicas de convivencia coa temática do Entroido entre o alumnado de Infantil e Primaria do CEIP de Vite e estas persoas maiores, afectadas polo Alzheimer ou por outras demencias en fase leve ou moderada.
O obxectivo destes encontros era contribuír a establecer unha relación entre pequenos e maiores para favorecer a integración destes últimos, mellorando súa calidade de vida a través da interacción cos rapaces e rapazas. Tratábase tamén de promover a autonomía de ambas xeracións noutros ámbitos sociais, aumentando o desenvolvemento cognitivo e a comunicación, e mellorando a educación integral para a vida dos nosos nenos e nenas.
En prol do éxito e eficacia desta iniciativa, o Equipo de Dinamización Social do USN, o CEIP de Vite e Agadea sumaron esforzos, ilusión e motivación. Como colofón, neste venres de Entroido celebrouse un festival, no que os participantes nos obradoiros levaron as máscaras realizadas por eles mesmos e no que houbo desfile de disfraces. As máscaras mellor valoradas foron premiadas.
Logo do desfile e da entrega dos agasallos, queimouse o Meco creado para a ocasión e degustáronse sobremesas típicas destas datas
Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).