Novas

Equipo de dinamización social Urbana Santiago Norte - SS.SS
13/12/12

COMPAR-T UN XOGUETE: CAMPAÑA DE RECOLLIDA

Coa chegada das data do Nadal, dende o Equipo Urbana Santiago Norte e Cruz Vermella, ponse en marcha unha campaña co obxectivo de recoller xoguetes para alegrar o Nadal dos nenos e das nenas máis desfavorecidos/as da Zona Urbana.

Ata o próximo 21 de Decembro, o Equipo Urbana e Cruz Vermella procederán a recollida de xoguetes novos ou usados en bo estado, para que os nenos e nenas das familias cunha situación económica máis deprimida, poidan sorrir e vivir as datas do Nadal igual que o farán outros/as nenos/as cunha situación máis favorable.

O punto habilitado para a recollida de xoguetes, a onde se poderán dirixir todas aquelas persoas que desexen colaborar con esta campaña será:
• CASA DAS ASOCIACIÓNS DE BENESTAR SOCIAL (CABES).- C/ Manuel María, nº 6 (Salgueiriños)

Para máis información, habilitouse un enderezo electrónico: comparteunxoguete@gmail.com

O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte e Cruz Vermella solicitan a colaboración da poboación en xeral, lembrando que o xogo é un dos dereitos recollidos na Carta de Nacións Unidas dos Dereitos do Neno, e que os xogos e xoguetes non só entreteñen e divirten, se non que tamén contribúen ao desenrolo físico e intelectual dos nenos e das nenas, e que privarlles deles é un paso atrás na súa formación. Pero esta campaña de recollida de xoguetes 2012 non só pretende axudar aos nenos e nenas máis desfavorecidos/as, tamén pretende fomentar a sociabilidade, a solidarizade e a concienciación da poboación.

Os xoguetes e xogos recollidos nesta campaña entregáranse o día 03 de Xaneiro de 2.013 aos pais e ás nais que previamente o solicitaran ata o día 21 de Decembro de 2012, invitando a toda a poboación a conseguir que ningún neno/a da nosa comunidade quede sen un xoguete no Nadal.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Documentación relacionada


© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)