Novas

Servizos Sociais: UTS Fontiñas
10/05/12

celebración do Día Internacional da Familia

Con motivo da celebración do Día Internacional da Familia o 15 de maio, o Concello de Santiago preparou unha xornada repleta de actividades en recoñecemento a esta institución. Será o sábado 12 de maio no Multiusos Fontes do Sar. Alí haberá teatro, obradoiros, mesas informativas, unhas xornadas de acollemento familiar e un espazo onde facerse fotos cos xogadores do Blusens Monbus e do Lobelle de Santiago.

A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, presentou o programa de actividades para este 12 de maio, que queren ser un "recoñecemento á institución da familia, que sempre está aí cando fallan todos os demais resortes sociais". Neste sentido, incidiu no seu papel de "rede social" nestes tempos de crise económica.

Dende as 10:00 horas celebraranse diversos obradoiros para nenos e nenas de globoflexia, reciclaxe, elaboración de pulseiras e chapas, maquillaxe, manualidades, lingua de signos etc. Tamén a esa hora comezarán as II Xornadas de Acollemento Familiar en Galicia: Crecendo xuntos en acollemento, promovidas por Familias Acolledoras de Galicia.

Paula Prado salientou a presenza neste evento de Jesús Palacios, catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Sevilla e investigador sobre maltrato infantil, institucionalización, acollemento familiar e adopción. Ademais, aproveitou para facer un chamamento á sensibilización respecto dos 17 nenos e nenas que nestes intres agardan unha familia de acollemento en Santiago.

Os que se acheguen ata Sar tamén poderán atopar as mesas informativas dispostas por diversas asociacións e entidades de iniciativa social, que divulgarán o importante labor que realizan. Outra actividade destacada será o teatro. Ás 12:00 e ás 16:30 horas haberá representacións da obra Rosalía, a pulga que escribía e, ás 19.00 horas, porase en escena o musical La abeja Maya.

A programa desta xornada complétase cun espazo onde as familias poderán facerse unha foto cos xogadores profesionais do Blusens Monbus e do Lobelle de Santiago.

Documentación relacionada


© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)