Novas

20/02/24

"Programa municipal de conciliación de Semana Santa 2024"

O 20 de febreiro, ábrese o prazo de inscrición e matrícula no "Programa municipal de conciliación de Semana Santa 2024" do Concello de Santiago, que terá lugar os días 25, 26 e 27 de marzo e o 1 de abril nas instalacións dos CEIP Quiroga Palacios e Monte dos Postes. O Concello ofertará un total de 150 prazas para participar nos obradoiros e actividades, outras 150 para o servizo de xantar e 60 para os máis madrugadores.

Este servizo de conciliación no CEIP Quiroga Palacios e no CEIP Monte dos Postes é de balde, e está destinado a nenos e nenas empadroados no concello de Santiago ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria do noso municipio (entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º Ciclo de Educación Primaria, ambos os dous inclusive), con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. O seu obxectivo é favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo aos menores participantes unha alternativa de lecer e tempo libre, desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia.

A modalidade de participación das familias interesadas será completa, é dicir, teñen que inscribir aos menores os catro días que se oferta o servizo e non se admiten solicitudes para días soltos. O horario será de 9:00 h a 14:00 horas. O programa ofrece a posibilidade de que as familias poidan solicitar, ademais, un servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 h a 9:00 h) e un servizo de comedor (de 14:00 h a 16:00 h). En concreto, ofértanse 150 prazas para o servizo de comedor e 60 para o de madrugadores.

Das 150 prazas ofertadas, 15 reservaranse para nenos e nenas con informe do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Santiago de Compostela, e terán carácter de acceso directo ao programa. Para o desenvolvemento do programa é imprescindible que formalicen a correspondente matrícula un mínimo de 25 participantes diarios para as actividades que se desenvolverán entre as 09:00 h e as 14:00 horas. Para a prestación dos servizos de comedor e madrugadores é necesario un mínimo de 10 participantes diarios.

Os prezos completos (con almorzo, xantar e actividades) para os catro días é de 48 euros, 42 euros para a modalidade de actividades con xantar, 30 para a que inclúe só o servizo de almorzo e 24 para a rapazada que só asista ás actividades. Co obxecto de favorecer a participación das persoas usuarias con escasos recursos, establécense unhas reducións do 50% dos prezos ordinarios en todas as modalidades


O prazo de solicitude das prazas está aberto desde mañá, 20 de febreiro, ata o vindeiro luns, día 26.

Documentación relacionada


© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)