23/02/21
Celebra connosco o día da muller conectándote á xornada "Son Muller"
Como xa ven sendo tradición, o vindeiro Día da Muller sumarémonos novamente a esta celebración cunha xornada sinalada onde as mulleres con discapacidade intelectual terán un espazo para reivindicar os seus dereitos.
Tratarase dun encontro online que celebraremos o 9 de marzo e no que daremos voz a mulleres con e sen discapacidade intelectual así como a profesionais do noso movemento asociativo, co fin de ter unha visión máis ampla das diferentes realidades das mulleres da nosa contorna.
O encontro comezará ás 10:45 horas coa inauguración a cargo da vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusion Galicia, Carmela González, á que seguirán varias poñencias comezando pola de Rocío Blanco, Psicóloga do Centro de Información á Muller de Ortigueira, que fará un repaso pola Historia das mulleres, seguida de Ana Martínez, membro de EPSA (Plataforma Europea de Autoxestores) que nos falará sobre a súa experiencia laboral e sobre independencia. Continuaremos con Maribel Cáceres, membro da Xunta Directiva e do grupo de líderes de Plena inclusión, que fará unha exposición sobre a importancia da representación e participación no noso movemento asociativo, e remataremos coñecendo unha experiencia sobre maternidade, a cargo de Maria José Abad, nai e coidadora.
A xornada é de balde, e para asistir soamente debes estar pendiente do día (9 de marzo) e da hora (10:45) e premer neste enlace! https://zoom.us/j/97917181486
ESPERÁMOSTE!