Novas

21/11/17

O Concello celebrou un pleno infantil con motivo do Día Mundial da Infancia

O salón de plenos municipal acolleu este luns un pleno infantil para celebrar o Día Mundial da Infancia, co que se conmemora a aprobación pola Asemblea Xeral da ONU da Declaración dos Dereitos do Neno o 20 de novembro de 1959. O alcalde, Martiño Noriega, presidiu a sesión e lembrou que o artigo 12 desa Declaración afirma "a necesidade de dar aos nenos e nenas a oportunidade de seren escoitados e escoitadas a través dun órgano".
Xunto ao alcalde, participaron no pleno infantil os concelleiros de Políticas Sociais, Concha Fernández; de Medio Ambiente, Xan Duro, e de Educación, Manuel Dios; xunto cos voceiros de PP, Agustín Hernández, e BNG, Rubén Cela; e a concelleira socialista Milagros Castro. Os/as protagonistas foron 23 alumnos e alumnas do CEIP As Fontiñas e do CEIP Pío XII.

Os nenos e nenas do CEIP As Fontiñas centraron as súas intervencións en enumerar unha serie de medidas necesarias para a mellora medioambiental, como a redución do consumo de auga, a separación do lixo ou a reciclaxe. Tamén apostaron os/as escolares pola compostaxe dos residuos orgánicos, a instalación de colectores de papel ou a colocación de máis papeleiras no seu centro educativo.

Pola súa parte, o alumnado do CEIP Pío XII quixo remarcar a importancia dun "debate profundo sobre o dereito á educación dos nenos e nenas, tamén respecto ao dereito de participarmos na mellora na nosa calidade de vida". Neste marco, volvendo á cuestión medioambiental, apuntaron a necesidade de "combater o cambio climático, que está moi relacionado cos problemas de saúde que nos poden afectar e que xa afectan a nenos e nenas noutros lugares do mundo".

Rematadas as intervencións, Martiño Noriega felicitou os nenos e nenas polo bo traballo realizado pero, sobre todo, quixo mostrar o seu acordo sobre o tratamento do cambio climático e a relación que ten coa saúde das persoas. Tamen neste sentido, o concelleiro de Medio Ambiente dixo sentirse "emocionado pola claridade de ideas que mostrastes sobre temas relativos á ecoloxía e eu, que fun militante do movemento ecoloxista dende hai anos, vexo que hai canteira". Comprometeuse igualmente a ter en conta as iniciativas presentadas polos rapaces e rapazas.

A última parte do pleno foi para as preguntas. Un dos nenos interesouse pola apertura de máis carrís bici, ao que Xan Duro respondeu que "hai moitas zonas nas que non se pode, pero si estamos desenvolvendo sistemas como aparcabicis e sinalización para as bicicletas". O alcalde completou a resposta informando sobre a creación da "senda verde que vai transcorrer polas antigas vías do tres e que irá dende Santiago ata Cerceda".

Outro dos temas formulados foi o da iluminación led. O concelleiro de Medio Ambiente indicou que "se desenvolverá a súa instalación durante os vindeiros anos, pois son moitas as instalacións municipais que contarán con iluminación led". Finalmente, o alumnado preguntou pola recollida de lixo e os sistemas de compostaxe.

Rematado o pleno, os/as escolares coñeceron as dependencias municipais acompañados/as da concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández.

© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)