Novas

19/06/17

PRESENTACIÓN MAPA EMOCIONAL DE SAN PEDRO

A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou o Mapa Emocional de San Pedro, unha iniciativa que navega pola memoria do barrio e que foi posible grazas ao traballo de Unitaria. Na rolda estivo acompañada de Gonzalo Suárez e Coro González, responsables do proxecto.
Este Mapa Emocional é un espazo de intercambio comunitario de sentimentos e saberes sobre o pasado, presente e futuro construído a través da participación colectiva e interxeracional, poñendo a disposición de todo o mundo a memoria, opinión e desexos da veciñanza de San Pedro. Unha experiencia transformada en ferramenta interactiva que pretende perdurar no tempo.

Co Mapa Emocional pódese amplificar a dimensión do entorno contada polos veciños e as veciñas, artellando un arquivo de vida cotiá do contexto do barrio e poñendo a disposición de todo o mundo a través de internet a realidade vivida e sentida pola comunidade.

Diagnose comunitaria

O documento referencia para que este proxecto botara a andar é a diagnose comunitaria do barrio, impulsada polos Servizos Sociais do Concello e nutrida por axentes sociais, educativos e culturais presentes no contexto. Detectáronse necesidades como a existencia de espazos e programas de intercambio inerxeneracional e accións de recuperación da autoestima social.

O proxecto, que se quere impulsar noutros barrios da cidade, poderase consultar a finais de semana en www.sanpedroemocional.com e xa foi presentado á veciñanza do barrio o pasado sábado, nun acto que rematou cun roteiro guiado pola memoria.


Accións
Ata o 1 de xullo, coincidindo coa celebración das festas do barrio, levaranse a cabo actividades de dinamización focalizadas a promocionar o Mapa entre a veciñanza e visitantes. Tamén se realizará un obradoiro comunitario de alfabetización dixital para comprender a utilidade e uso do mapa e, finalmente, unha orquestra experimental como laboratorio de creación sonora con contido social e cultural onde se mestura a música tradicional do lugar coa música electrónica e contemporánea.

Xa a partir do 1 de xullo, a ferramenta continuará viva mediante a existencia dun soporte interactivo táctil e o mapa virtual, que contará historias do barrio a través dos seus habitantes e que estarán xeolocalizadas nun mapa dixital interactivo en clave de pasado, presente e futuro.

© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)