01/06/17
Ábrese o prazo de reserva e matrícula nos servizos de comedor e de madrugadores
Este venres, 2 de xuño, ábrese o prazo de matrícula nos servizos de comedor e de madrugadores na rede de centros públicos de Educación Infantil e Primaria do Concello de Santiago para o curso 2017-2018. A inscrición estará aberta ata o 23 de xuño.
Pódese facer a reserva de praza e matrícula en calquera dos seguintes centros, tanto no caso do servizo de comedor como no de madrugadores: Apostólo Santiago, Cardeal Quiroga Palacios, As Fontiñas, Roxos, Vite, Mestre Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Raíña Fabiola e Ramón Cabanillas. No caso do CEIP Arquitecto Casas Novoa, só se pode solicitar a participación no servizo de madrugadores.
O impreso de solicitude de matrícula, debidamente cuberto, entregarase no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras) entre o 2 e o 23 de xuño de 2017, ambos incluídos. Neste momento do proceso non é necesario achegar ningunha outra documentación.
O modelo oficial pode descargarse nesta mesma web ou solicitarse no Departamento de Educación e Cidadanía (Edificio Cersia, rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n), así como nos centros de ensino obxecto desta convocatoria ou na páxina web do concello.
Unha vez completado o proceso administrativo coa adxudicación do contrato, procederase á publicación da listaxe de admitidos/as e excluídos/as nos servizos de comedor e de madrugadores. Para facer efectiva a alta, será requisito imprescindible achegar cuberto e asinado o impreso de domiciliación bancaria que será facilitado polo concesionario do servizo. Non poderán facer uso de xantar e almorzo os usuarios con recibos impagados de cursos anteriores.
O réxime de prezos será acordado pola Xunta de Goberno unha vez que a Xunta de Goberno Local adxudique o servizo.
Recordase que para acceder á convocatoria de BOLSAS COMEDOR do da Concellería de Políticas Sociais (aberto o prazo ata 15 de xuño) é imprescindible presentar a solicitude de reserva de praza en comedor escolar e que son procesos independentes.
Documentación relacionada:
* Información sobre o proceso de matrícula
* Impreso de matrícula
Documentación relacionada