Novas

14/10/10

GUÍA AS FONTIÑAS

O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou a guía As Fontiñas, entidades de servizo á cidadanía aos veciños e veciñas da zona, nun acto celebrado no Centro Sociocultural. A publicación informa da oferta de servizos, recursos e actividades das que dispoñen os habitantes do barrio das Fontiñas e que poden resultar de interese para a súa vida cotiá. Horas antes, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentara a publicación aos medios de comunicación.

As Fontiñas, entidades de servizo á cidadanía quere ser unha ponte de comunicación cara as veciñas e veciños das Fontiñas. Responde á liña de actuación na que se vén traballando dende o ano 2000, baseada na coordinación permanente con todas as institucións e entidades sociais da zona. Un grupo de traballo que, co correr do tempo, lonxe de debilitarse, vaise fortalecendo.

Na guía ofrécese información sobre os contidos e a programación dos servizos públicos municipais: Centro Sociocultural da Fontiñas, Escola Infantil Municipal de Fontiñas, Unidade Municipal de Atención ás Familias, Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), Unidade Municipal de Servizos Sociais ou Servizos Sociais Municipais (UTS Fontiñas). Tamén teñen cabida na guía outros servizos públicos como o Centro de Saúde das Fontiñas, os centros de ensinanza infantil e primaria Fontiñas e Monte dos Postes e os institutos de secundaria Antón Fraguas e Fontiñas.

Na publicación tamén se recolle a información de todas as entidades de iniciativa social que traballan no barrio, tales como Cruz Vermella, Cáritas Parroquial das Fontiñas, Programa de apoio a familia monoparentais "Abeiro", Fundación Secretariado Xitano, Galicia Acolle, Instituto Galego paro o Terceiro Sector: IGASEX-3, Centro de Día de Atención Integral "Arela" ou Asemblea de Cooperación pola Paz. A todas estas hai que sumar o tecido social (asociacións de nais e pais dos centros educativos), as entidades culturais (asociacións musicais Alfaia e Solfa) e outros enderezos e teléfonos de interese.

© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)