13/01/17
Axuda económica a través da Tarxeta Benvida para as familias con fillos e fillas nados no ano 2017
Orde do 23 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2017 e se procede á súa convocatoria. (DOG nº 249 do 30/12/2016)
Obxecto
Establecer unha axuda económica para as familias que no ano 2017 teñan un fillo/a,adopten ou estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno ou nena menor dun ano.
Persoas beneficiarias
Persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:
a.Ter fillas ou fillos, tanto por natureza como por adopción, nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017.
b.Estar en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017.
Requisitos
a.Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que da documentación presentada se poida deducir que isto non é así, poderáselles requirir para que presenten a documentación complementaria que o demostre.
b.Que a renda da unidade familiar, sumadas a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro, da declaración do IRPF do ano 2015 non supere os 45.000 euros. De ser esta contía superior, a renda per cápita, entendida como a suma das bases impoñibles xeral e do aforro dividida polo número de membros da unidade familiar, non deberá superar os 13.500 euros.*
c.Cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
*Nos casos en que non se teña realizado a declaración do IRPF do ano 2015, os ingresos serán os que resulten dos datos que figuren na AEAT, aos cales se lles restarán os gastos deducibles.
Entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s e mais:
1.As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.
2.As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
3.As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %.
4.As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos.
No suposto de non convivencia das dúas persoas proxenitoras se unha delas asume en solitario o sustento da unidade familiar (familias monoparentais segundo o disposto no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia), a renda da que non contribúe non será computada sempre que se acredite documentalmente a dita circunstancia.
Tipos de axuda e contías
Con carácter xeral, a contía total da axuda será de 1.200 €, a razón de 100 €/mes durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla.
A axuda comprenderá, nos supostos de fillos ou fillas por nacemento, os primeiros doce meses de vida do neno ou nena nado/a no ano 2017 e no suposto de adopción ou situación de garda con fins adoptivos, o dereito á percepción da axuda producirase desde o mes en que se emita a resolución administrativa ou xudicial e ata que o neno ou nena cumpra un ano.
A instrumentación da axuda efectuarase a través da entrega da tarxeta Benvida, que se expedirá a nome da persoa solicitante. A Consellería de Política Social remitirá as tarxetas ás familias coa carga inicial e con instrucións para a súa activación e informaraas das condicións de uso. A tarxeta só poderá ser utilizada en en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.
A tarxeta será recargada mensualmente durante o período de vixencia e terá un período máximo de vixencia de 12 meses desde o mes de nacemento do fillo ou filla, transcorrido o cal no poderá ser utilizada. En todo caso, non poderá ser usada máis alá do 31 de decembro de 2018.
Documentación
Solicitude | Presentación electrónica na sede
a.Copia do libro ou libros de familia da unidade familiar ou, de ser o caso, as certificacións correspondentes expedidas polo Rexistro Civil.
b.Certificado de empadroamento conxunto da persoa solicitante e da/o nena/o que dá dereito á axuda.
c.Anexo II, cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non apareza como solicitante, de ser o caso.
d.Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) do Ministerio de Facenda e AA.PP.
e.Copia do DNI ou NIE da persoa proxenitora que non apareza como solicitante das axudas, só no caso de denegar expreamente a súa consulta no SVDI.
f.Copia da declaración do IRPF do ano 2015 da persoa solicitante e da proxenitora que non apareza como solicitante, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta ante a Axencia Estatal da Administración Tributaria.
g.Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, de ser o caso. No suposto de familias monoparentais, a documentación anterior poderá substituírse pola copia do certificado administrativo de monoparentalidade, sempre que conste nel a filla ou fillo polo que se solicita a axuda, só no caso de denegar expresamente a súa consulta ante a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica ou que sexa expedido por outra comunidade autónoma.
Na solicitude deberá figurar obrigatoriamente un teléfono móbil para os efectos de activar a tarxeta benvida. A activación será efectiva unicamente desde o número de móbil que se faga constar na solicitude.
No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, deberase presentar unha copia dixitalizada dos documentos necesarios indicados.
Lugar de presentación:
Preferentemente electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.gal.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 2 meses contados dende o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento dun/a fillo/a ou adopten un neno ou nena menor dun ano.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento. No suposto de garda con fins adoptivos ou de adopción entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día en que se ditou a resolución. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
(Só para os nados/adoptados o día 31/12/2016 o prazo é ata o 28/02/2017)
Prazo de resolución: Tres meses | Sentido do silencio administrativo: Negativo