Novas

Unidade Municipal de Atención as Familias (UAF)
22/11/16

Programa municipal de conciliación de Nadal 2016

O pasado venres día 18 de novembro abriuse o prazo de inscrición no programa de conciliación familiar de Nadal 2016, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía.

Este programa concíbese como un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa de conciliación para as familias no tempo de vacacións do Nadal. Está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades desenvolveranse os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro de 2016, e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2017 de nos CEIP As Fontiñas e CEIP Raíña Fabiola, de alcanzarse o número mínimo de participantes requirido.

Poden participar nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago de Compostela ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Teñen a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos.

A inscrición realizarase a través Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal o Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16), cubrindo o formulario dispoñible nesta web, no Departamento de Educación e Cidadanía ou nos propios rexistros. A admisión será por rigorosa orde de inscrición. O prazo de inscrición estará aberto dende o venres día 18 de novembro ata o venres 2 de decembro de 2016.

O horario será de 7:45 a 16:00 horas. O servizo de madrugadores funcionará de 7:45 a 9:00 horas e poderá ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de solicitar o uso do servizo de comedor.

© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)