18/05/16
PROXECTO TROCAME-ROQUE 2016. ROLDA DE PRENSA.
A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá a cuarta edición do mercadiño solidario Trócame-Roque, que dende 2013 organiza a rede comunitaria de Fontiñas. Na rolda estivo acompañada de representantes das entidades que participan na organización do evento.
Terá lugar este venres 20 de maio, en horario de 16:30 a 19:30 horas, nas instalacións de Área Central. Trátase dun proxecto enmarcado dentro do propio traballo comunitario que se está levando a cabo no barrio das Fontiñas e no que participan as seguintes entidades: IES Antonio Fraguas, CEIP Fontiñas, CEIP Monte dos Postes, Centro de día Arela, Cáritas Parroquial das Fontiñas, Programa de Atención a Familias Abeiro, Cruz Vermella, Fundación Secretariado Xitano, Asemblea de Cooperación pola Paz, Centro de Saúde de Fontiñas, colectivo Barriopía e, por suposto, a Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde.
O fin da organización deste mercadiño é sufragar un proxecto solidario ubicado no propio barrio de Fontiñas. Aínda que o que se poida recadar sexa de carácter eminentemente simbólico, preténdese que este ano o importe se destine á colaboración na financiación dalgunha necesidade socioeducativa detectada na zona, canalizado a través de entidades sociais como Cruz Vermella.
Esta necesidade estaría vinculada ao ensino infantil, por ser a etapa de escolarización (non obrigatoria) que presenta unha situación de maiores gastos en material para as familias, dado que non dispoñen de bolsas
ao efecto. Tamén se vai colaborar cos bancos de libros dos referidos centros educativos e, mesmo, á implementación de calquera acción que teña un dobre enfoque, comunitario e socioeducativo.
Trátase dun proxecto no que os protagonistas son os e as máis novas, as rapazas e rapaces do barrio, que se converten en axentes de solidariedade social. Preténdese concienciar aos menores sobre a realidade social e comunitaria na que viven e espertar neles iniciativas de índole solidaria.
Ao mesmo tempo téntase reforzar os espazos de encontro e de vida comunitaria, nos que estean presentes aspectos tan importantes como a interxeneracionalidade, a igualdade e a solidariedade social, dentro dun marco de convivencia positiva.
A proposta consiste nun mercadiño desenvolvido principalmente por participantes infantís e xuvenís (de 8 a 18 anos), no que haxa diferente oferta de intercambio baseado na venda e no troco de produtos feitos por eles mesmos, de segunda man como xoguetes, videoxogos...
Cada posto doará a cantidade que, en conciencia, considere debe aportar, aínda que se establece un mínimo do 50 % do recadado. Ao redor do mercado celebráranse outras actividades de animación, para fomentar a participación e reforzar eses espazos de convivencia. Entre as actividades programadas para ese día está prevista a actuación da Coral Solfa e sesións de breakdance e beatbox. Tamén terán lugar distintos obradoiros, coma o de papiroflexia ou o que leva por nome Leva a túa chapa interxeneracional, implementados dende Cruz Vermella. Comezará tamén a elaboración do graffitti conmemorativo do mercadiño deste ano.
Dende o Concello de Santiago séguese defendendo e impulsando un dos seus fins principais: o fomento da participación activa da cidadanía, mediante estratexias socioeducativas que impulsen a solidariedade e a cooperación social. Hai información detallada do proxecto, tanto tanto na web www.compostelaintegra.org como nas restantes redes das entidades do barrio.
Documentación relacionada