14/01/16
TICKET ELECTRICO SOCIAL DE GALICIA.
Normativa: ORDE do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (DOG nº 248 do 30/12/2015)
Obxecto: As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto subvencionar parte da factura eléctrica ás unidades de convivencia con menores ou discapacitados cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 €/ano).
Tipo de axuda: A contía da subvención será de 180 €/ano para unidades de convivencia que cumpran os requisitos e de 300 €/ano para as familias numerosas.
Gastos subvencionables: facturas de electricidade (IVE incluído) cuxo período de lectura estea comprendido entre o 1 de xullo 2015 e o 30 de xuño de 2016.
Requisitos das persoas beneficiarias:
1. Ser residentes en Galicia.
2. Que na unidade de convivencia haxa menores de idade ou discapacitados cun grao de discapacidade igual ou maior ao 33 %.
3. Ser o pagador da correspondente factura de enerxía eléctrica.
4. Que os ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 €/ano). Considérase unidade de convivencia o conxunto de todas as persoas que viven no mesmo domicilio. A renda da unidade de convivencia obterase por agregación das rendas do exercicio fiscal 2014 de cada un dos membros que obteñan ingresos de calquera natureza. Os membros da unidade de convivencia que presentasen declaración do imposto sobre a renda no 2014, para os efectos do cálculo da renda sumarán os recadros 366 (base impoñible xeral) e 374 (base impoñible do aforro) da declaración. No caso de non presentar declaración, teranse en conta os ingresos de todos os membros da unidade de convivencia durante o exercicio 2014.
5. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 do xuño, de subvencións.
Documentación:
• Fotocopia do DNI da persoa solicitante e do resto das persoas integrantes da unidade de convivencia, no caso de non autorizar a consulta.
• Declaración do IRPF ou, se é o caso, certificado emitido pola Axencia Tributaria relativos ao ano 2014 de todos os membros da unidade de convivencia, ou autorización á Consellería de Economía e Industria para obter os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade de convivencia.
• De ser o caso, autorización aos funcionarios correspondentes para a presentación electrónica da solicitude e da documentación relativa ao tícket eléctrico social de Galicia (anexo IV).
• Fotocopia do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a súa situación familiar.
• Facturas do correspondente semestre en concepto de subministración eléctrica da vivenda que é residencia habitual do solicitante da axuda e xustificantes de pagamento.
• Certificado de convivencia.
• Copia do título de familia numerosa no caso en que o dito título non fose expedido en Galicia ou que o solicitante non autorice a súa consulta.
• De selo caso, certificado de discapacidade de algún membro da unidade de convivencia, con grao de discapacidade maior ou igual ao 33 %, no caso en que o dito certificado non fose expedido en Galicia, ou no caso en que si fose expedido pola Xunta de Galicia e o solicitante non autorice a súa consulta.
Lugar de presentación:
Deberán presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde o enlace: https://axudascortes-subministracion.xunta.gal
Si se precisa apoio para a tramitación, poderán dirixirse á DIRECCIÓN XERAL DE ENERXÍA E MINAS (Xunta de Galicia) para que se lle faga a solicitude (art. 2.3 da devandita orde autonómica).
Prazo de presentación: Do 15 de xaneiro de 2016 ata o 31 de xullo de 2016.
Máis información:
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN414A, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas e nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da consellería: http://economiaeindustria.xunta.es
b) Os seguintes teléfonos:
A Coruña: 981 18 49 95 e 981 18 49 36.
Santiago: 981 95 71 85 e 981 54 55 53.
c) O enderezo de correo electrónico: cei.dxiem.axudasenerxia@xunta.es
d) Presencialmente.
Para cuestións xerais: teléfono 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).
Fonte: Manual de traballo, información e asesoramento en Servizos Sociais (MATIASS); Consellería de Políticas Sociais – Xunta de Galicia. 2016.