Novas

23/11/15

PROXECTO comunitario A NOSA VIDA, EN POSITIVO?, 3ª ed.

Dende a rede comunitaria do barrio de Fontiñas informamos que no mes de decembro desenvolverase o PROXECTO "A NOSA VIDA..., EN POSITIVO?", 3ª ed. As actuacións previstas son as seguintes:

1. Charla-obradoiro que versa sobre a experiencia vital dun recluso dentro do proxecto “Voluntariado desde dentro” dirixido a alumnado de 4º da ESO do IES Antonio Fraguas (idade: 16 anos): 100 alumnos aproximadamente e 12 profesores.

Esta actividade estará implementada pola Asociación para a Prevención da Exclusión Social (A.P.E.S.). Esta asociación implementa proxectos, dende a óptica de traballo en rede, que pon de manifesto a importancia da implicación da comunidade nos procesos de reinserción social das persoas que se atopan cumprindo unha condea; pero tamén leva a cabo accións preventivas, coa finalidade de formar cidadáns e cidadás comprometidos socialmente e afastados de todo comportamento de risco. E todo isto coa permanente presenza de diferentes valores: igualdade de oportunidades, confianza mutua, compromiso social, respecto á persoa e cohesión social (traballo en rede).


2. Obradoiro sobre “As mulleres como motor de cambio”. A actividade corre a cargo de Noelia Darriba, membro da ONG “Implicadas no Desenvolvemento" e de Atalaya social. Este obradoiro está dirixido a alumnado de Bacharelato. Participarán sobre 30 alumnos e alumnas e profesorado de Filosofía que xa ten colaborado e participado estreitamente noutras edicións de A nosa vida en positivo. A actividade constará de dúas partes:

A).- Visionado da LONGAMETRAXE "CAMBIA DE PAPEL"
B).- Coloquio

A recente experiencia da ponente na India brindará ademais a posibilidade de compartir vivencias co alumnado.

Esta actividade estará implementada por Atalaya Social e pola ONG “Implicadas no Desenvolvemento”; esta última é unha organización feminista de cooperación ao desenvolvemento fundada en 1998; basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como piar para o desenvolvemento humano. Por outra banda, ATALAYA SOCIAL adícase á implementación de proxectos socioeducativos en diferentes centros e entidades da xeografía galega. Teñen unha ampla experiencia en programas de diversas temáticas pero sempre cunha especial sensibilidade cara ó traballo desde a perspectiva de xénero. A reportaxe “Cambia de Papel” exerce unha mirada afastada do típico documental xornalístico ou informativo. Nesta peza fílmica fálase dos múltiples papeis que as persoas desenvolvemos nas nosas vidas e de como o cambio, sobre todo nas condicións máis difíciles, ocasiona unha transformación no mundo que nos rodea.

A longametraxe está dirixida e producida por María Reimóndez (fundadora de Implicadas no Desenvolvemento, escritora e experta en enfoque de xénero), Luís Tosar (actor, socio e colaborador de Implicadas dende 2008) e Kutti Revathi (escritora, cineasta támil, editora da revista feminista Panikkudam e da publicación sobre cinema feito por mulleres Kannadi, colaboradora asidua en proxectos de Implicadas).

Documentación relacionada


© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)