Novas

Proxecto de apoio ao sector asociativo
10/04/15

Programa Deseñando o teu futuro

Publícase no DOG nº 67 do venres 10 de abril de 2015 as bases e convocatoria do Programa Deseñando o teu futuro. A finalidade das axudas é financiar os proxectos dirixidos a que os mozos e as mozas entre 14 e 18 anos realicen estadías-visitas non remuneradas en empresas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de que adquiran competencias, habilidades e cualificacións que complementen o seu desenvolvemento persoal e a súa formación.

Poderán solicitar estas axudas, ao abeiro destas bases reguladoras:

A) Entidades sen ánimo de lucro, con sede permanente ou domicilio social en Galicia que lle presten servizos á mocidade, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das entidades que as conforman.

B) Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Os proxectos para os que se solicite axuda deberán responder aos seguintes criterios:

a) Deben ter como persoas destinatarias mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos con autorización do pai, da nai ou titor/a legal.

b) O período do proxecto será de dous meses e terá como data límite de realización o 15 de novembro de 2015.

c) A duración das estadías-visitas será entre 5 e 15 días hábiles. As xornadas diarias nas empresas serán de 4 horas como mínimo.

d) O número de mozos/as participantes non poderá ser superior a 30.

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 11 de maio de 2015.

Para máis información, ver o arquivo que se achega.

Documentación relacionada


© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)