Novas

Proxecto de apoio ao sector asociativo
10/04/15

Programa Iniciativa Xove

Publícase no DOG nº 67 do venres 10 de abril de 2015 as bases e convocatoria do Programa Iniciativa Xove. Iniciativa Xove é un programa para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2015, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas, que participarán activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.

Considéranse áreas de atención prioritarias que se han desenvolver mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:

a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que permitan á mocidade concretar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.

b) Proxectos de fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado da xuventude na súa comunidade e no seu contorno, así como de fomento da accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de lecer.

c) Proxectos que permitan a participación en experiencias de educación non formal en distintos campos.

d) Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.

e) Proxectos que fomenten a participación e a dinamización das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.

Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:

a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde.

b) As asociacións xuvenís e as entidades que presten servizos á mocidade que carezan de interese de lucro e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 11 de maio de 2015.

Para máis información, ver o arquivo que se achega.

Documentación relacionada


© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)