Novas

Asamblea de Cooperación pola paz
23/12/14

ACPP pecha cun Encontro de Culturas en Compostela o proxecto Barrios Abertos de integración de inmigrantes

O Centro Don Bosco, do barrio de San Pedro, acolleu este domingoo Encontro de Culturas organizado por Asemblea de Cooperación pola Paz como peche ao proxecto Barrios Abertos, que durante todo este ano traballou a prol da integración das persoas inmigrantes nos barrios de San Pedro e Fontiñas.

Pola mañá, ás 13h, víronse as curtas realizadas polo alumnado inmigrante do obradoiro de Técnicas Audiovisuais e coñecer de primeira man as súas experiencias no proxecto e na vida de barrio.

Tamén poideron asistir ás 13h30, á presentación da Guía de Servizos Comunitarios do barrio de San Pedro e Fontiñas, elaborada coa colaboración das entidades que conforman as redes dos barrios e na que se outorga un espazo destacado á información de utilidade para persoas inmigrantes.
Ao mediodía houbo un xantar intercultural para todas e todos os asistentes, para continuar as catro da tarde con xogos tradicionais para todas as idades e unha exhibición de baseball dirixida por rapaces dominicanos, ás 17h.

Durante todo o día os nenos e as nenas que asistan coa súa familia o encontro poideron participar en actividades infantís, dinamizadas por monitores/as de Don Bosco.

Esta xuntanza de convivencia foi o acto final do proxecto Barrios Abertos, despois dun ano de traballo de rúa e en rede. E se algo teñen de bo os proxectos nos que se traballa por e con xente é que teñen vida propia. Van mudando, adaptándose ás personalidades de cada un dos seus participantes e en definitiva atopando o seu camiño, con case toda seguridade moito máis acaído que o rexistrado no papel frío do formulario. Isto é o que sucede con Barrios Abertos.

Este proxecto ten vocación de creación de redes estables de traballo e de sensibilización, tanto da poboación xeral como do colectivo de persoas de orixe estranxeira en particular, sobre a importancia da convivencia intercultural. En definitiva, abrir os ollos e as orellas aos beneficios que implica coñecer, pero coñecer de verdade, ás persoas que viven no teu barrio. Os barrios de San Pedro e Fontiñas concentran o 23% da poboación de orixe estranxeira de Santiago de Compostela.

A parte máis complexa do proxecto foi precisamente a creación de esas redes de traballo entre todas as organizacións e entidades que traballan en San Pedro e Fontiñas: centros educativos, ongd, asociacións, centros culturais, e as Unidades de Traballo Social, sen as que sería imposible a realización de este proceso de integración. Pero posta en marcha a dinámica, todo foi rodado. Destas xuntanzas saíron as propostas de persoas beneficiaras dos talleres audiovisuais para rapaces e rapazas de orixe inmigrante, a participación nas diferentes actividades sociais dos barrios e a información necesaria para poder facer bos materiais de difusión e utilidade para o proxecto. Estas redes están conformadas por unhas 25 organizacións.
Pero organizado o tema, puxémonos mans á obra, pois desde as oficinas é difícil “facer barrio”. O primeiro acto de presentación pública do proxecto foi precisamente a Festa da Primavera do barrio de San Pedro onde estivemos dando información sobre o proxecto, pero sobre todo, convidando á xente a participar do mesmo facéndose fotos no noso photocall con mensaxes de integración.

Tanto nas festas dos barrios como no mercadillo solidario Trócame Roque de Fontiñas, unha das cousas que máis curiosidade suscitou foi ver a un grupo de rapaces e rapazas de diferentes culturas, cámara ao ombro, e micro e guión na man, percorrendo as rúas e entrevistando xente. Este equipo con actitude profesional e gran entusiasmo é o alumnado do taller audiovisual do proxecto, no que dous profesionais da Asociación Galega de Reporterios Solidarios, formaron durante meses a nivel práctico e teórico a 15 alumn@s de orixes tan diversas como Marrocos, Paraguai, República Dominicana, Túnez, Venezuela e Galicia cun único obxectivo: que contaran con voz propia a vida nos barrios e o traballo pola integración.

Unha mostra más da viveza deste proxecto foi a gravación de catro cuñas de radio locutadas por Imane e Luis. Nun principio pensouse en cuñas publicitarias clásicas, que promocionaran no entorno de Santiago o proxecto, pero... Que mellor forma para motivar a participación do colectivo de inmigrantes na vida dos barrios que a través das voces dos seus protagonistas? Así que Imane e Luis pisaron por primeira vez un estudo de radio e, a pesar das cóxegas no estómago, non dubidaron en plantarse os cascos e locutar no micro os textos elaborados pola ONGD.

E este final de ano estivo marcado por encontros deportivos entre adolescentes de diferentes orixes, a formacións do profesorado dos centros educativos dos barrios para que poidan axudar ao seu alumnado a comprender mellor a interculturalidade, e a sensibilización do persoal sanitario de Santiago sobre mitos e crenzas culturais no eido da súade.
Así que despois desta primeira etapa, xa podemos contestar a pregunta: É ti de onde es? Eu, nacera onde nacera, definitivamente do barrio.

Este proxecto é financiado polo Fondo Europeo de Inversión, a través do Ministerio de Trabajo y Asuntos Sociales, e coa colaboración do Concello de Santiago.

Documentación relacionada

  • foto (jpg, 4,06 mb)

© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)