Novas

13/11/14

Celebración do Día Internacional dos Dereitos do Neno/a

O Concello de Santiago súmase á celebración do Día Internacional dos Dereitos do Neno/a, o xoves 20 de novembro, unha xornada de reflexión en torno ás problemas da infancia, dirixida a fomentar un maior interés da cidadanía na promoción dos dereitos dos/as nenos/as. Nesta edición, a conmemoración está especialmente dedicada ao dereito ao xogo.

A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, presentou os actos previstos para conmemorar este Día Internacional dos Dereitos do Neno/a, que comezarán na xornada do xoves 20 de novembro, ás 10:00 horas, coa celebración dun pleno infantil. Nesta ocasión participarán 25 nenos e nenas do CEIP López Ferreiro e do Colexio Manuel Peleteiro. A intención do Departamento é que vaian pasando por este Pleno, cada ano, os diferentes centros escolares do municipio.

Coa mesma idea de facer visible este Día, haberá unha xornada de actividades o venres 21 no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en San Lázaro. Un dos eventos previstos é unha representación de maxia a cargo do Mago Xacobe.

Xa dende as 16:00 horas e ata as 20:00 horas, desenvolveranse obradoiros para nenos e nenas de maxia, globoflexia, reciclaxe, elaboración de pulseiras e chapas, maquillaxe, artesanía, manualidades e contacontos, entre outros. Nese mesmo horario estarán instalados os inchables e os rapaces poderán participar no xogo da busca do tesouro.

Durante a tarde, diversas entidades e asociacións de iniciativa social relacionadas cos dereitos dos nenos/as terán instaladas no Palacio mesas informativas. A dia de hoxe están confirmadas as seguintes entidades: Cruz Vermella, Unicef e Asociación de Persons Xordas de Santiago de Compostela. Tamén están convidadas a participar Down Compostela, Familias Acolledoras, Manaia (Asociación Galega de Axuda á Adopción), Agafan (Asociación Galega de Familias Numerosas), Red Madre, Asociación Compostelá de Nenos Hiperactivos, Meniños, Puntos de Encontro, Casa de Familia e Centro de Día Arela e o Programa Abeiro (Cáritas).

© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)