Novas

29/04/14

Presentación do proxecto Barrios Abertos

O proxecto Barrios Abertos promove a integración social e cultural dos inmigrantes de Compostela

• Os barrios de San Pedro e Fontiñas concentran o 23% da poboación de orixe estranxeira de Santiago de Compostela
• A pesar de ser barrios con moita vida asociativa, a participación social dos/das inmigrantes é escasa
• O proxecto terá un compoñente pedagóxico, sanitario e sociocultural, priorizando a sensibilización social

29 de abri 2014, Compostela. O proxecto Barrios Abertos de Galicia, de Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), ten como principal obxectivo a integración social, cultural, educativa e sanitaria das persoas de orixe estranxeira que viven nos barrios de Fontiña e San Pedro en Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo que en Galicia, ACPP está a desenvolver este proxecto en Asturias e Castilla-La Mancha.

Alejandro Quiñoá, delegado de ACPP-Galicia, explicou na rolda de prensa de presentación do proxecto, que tivo lugar hoxe no Concello de Santiago, que o fin último desta iniciativa é “facer dos barrios o núcleo primario da sociabilización”.

Que queremos dicir con integración? Pois que tanto as persoas doutras orixes como as nadas en Galicia convivan, aprendan unhas doutras e aproveiten todos os beneficios que supón a interacción entre culturas diversas. Isto significa que o achegamento non será nunha soa dirección, todo o contrario, búscase que a sociedade galega aprecie a riqueza que supón a presenza doutras culturas nos seus barrios e que igualmente as persoas doutras orixes sintan partícipes da vida e a cultura local. Para conseguir este fin último, ten unha grande relevancia tódalas accións de comunicación e sensibilización que acompañan ás actividades de formación e educación do proxecto.

Desde Asemblea de Cooperación pola Paz consideramos que este tipo de proxectos preventivos “son imprescindibles para evitar fracturas sociais e problemas de convivencia, sobre todo nestes momentos de crise nos que as mensaxes que se difunden inciden nunha visión moi negativa, e desde o noso punto de vista en moitas ocasións irreal, da inmigración”.

Por que San Pedro e Fontiñas? A poboación de orixe estranxeira de Santiago de Compostela ronda o 4,5% dos seus 95.671 habitantes empadroados (4257 persoas). Pero o 23% deste grupo (979 persoas) está concentrado en San Pedro e Fontiñas, polo que son os barrios nos que máis cantidade de persoas inmigrantes residen. Ambos barrios presentan problemas de desemprego, absentismo escolar e falta de oportunidades para a xuventude. As nacionalidades maioritarias son Brasil, Marrocos, República Dominicana, Arxentina, Colombia e China.

María Castelao, concelleira de Servizos Sociais, engadiu que “o Concello participou na elección dos barrios polas súas características sociais” e salientou “o gran traballo que están facendo as traballadoras sociais nestes barrios e o implicadas que están co proxecto”.

O proxecto pódese levar a cabo gracias ao financiamento da Unión Europea, a través do Ministerio de Empleo y Servicios Sociales, xunto co apoio do Concello de Santiago de Compostela e de tódalas organizacións sociais presentes en ámbolos dous barrios, que desde o inicio están participando nas tarefas de identificación de problemáticas, procura de solucións e organización de actividades.

Compoñentes do proxecto
O compoñente pedagóxico do proxecto traballarase nos diferentes centros educativos, tanto de primaria como de secundaria, que están instalados nestes dous barrios, buscando que a interculturalidade sexa un valor que se transmita desde os propios colexios e institutos, e que sexan os e as docentes os primeiros en asumilo como un compoñente imprescindible da educación.

O comezo do curso que vén, realizaranse tres encontros sobre a realidade intercultural do sector nos centros educativos. Nestes encontros participarán organizacións expertas en inmigración e persoas residentes de orixe estranxeira. Pero como o obxectivo é promover a reflexión do alumnado, combinarase a información con dinámicas participativas como un xogo de trivial no que os e as asistentes terán que ir contestando preguntas sobre a integración ou sesións de TeatroFórum nas que se xerarán situacións de conflito ao redor da convivencia entre diferentes culturas, que o propio alumnado terá que solucionar coa súa participación activa.

No ámbito sanitario promoverase o acceso igualitario e informado aos servizos de saúde pública por parte das persoas de orixe estranxeira e a sensibilización dos e as profesionais da saúde para que poidan dar unha atención eficaz e de calidade ás persoas provenientes doutras culturas. A ONGD Médicos do Mundo apoiaranos nestas formacións.

Así mesmo, potenciarase a participación de toda a veciñanza nas actividades socioculturais, de maneira que as persoas de orixe estranxeira contribúan á organización destes encontros e que poidan achegar nova riqueza cultural e social. Para facilitar a participación editarse unha guía de servizos do sector, enfocada na poboación inmigrante, na que recompilará información sobre as organizacións coas que se pode colaborar, sobre os servizos públicos e privados que ofrece o barrio e sobre os distintos trámites que se necesitan cumprir cando se chega ao país.

Como parte novidosa do proxecto levarase a cabo unha formación en técnicas audiovisuais que busca que a mocidade aprenda a contar as súas propias historias e a elaborar os seus propios discursos a través en formato audiovisual. Serán os e as mozas os que decidan que queren contar e como, e os que reflexionen sobre a vida dos seus barrios. O grupo estará formado principalmente por persoas nadas no estranxeiro, aínda que tamén se busca a participación de persoas oriúndas de Galicia. E de todo o proceso formativo sairá un documental sobre a interculturidade, feito polo alumnado.

No mes de setembro, con motivo do inicio do curso escolar, realizarase a Xornada Barrios abertos! enfocada na infancia e mocidade, para fomentar a súa participación tanto no ámbito deportivo, como no ámbito do asociacionismo e do tempo libre. Nesta xornada preténdese chegar a 100 mozos e mozas e participarán oito clubes deportivos composteláns con partidos e exhibicións.

Proxecto xa en marcha
A formación audiovisual, que está a ser impartida pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, empezou no mes de marzo no Centro Sociocultural de Fontiñas e prolongarase até xuño. A ela asisten 15 adolescentes todos os xoves, que foron seleccionados pola Cruz Vermella, Igaxes3, o IES Antonio Fraguas e as UTS de San Pedro e Fontiñas.

O pasado 21 de abril abrimos tamén a convocatoria para o concurso de fotografía “Que é para ti a integración? Nela convidamos a reflexionar e plasmar en imaxes os beneficios da interculturalidade nos barrios dos participantes. Para iso creamos tres categorías (infantil, xuvenil e adulta) e promovemos a participación nos centros educativos e os barrios, e por suposto a través das redes sociais. O prazo para presentar as fotografías pecharase o 30 de maio.

E o vindeiro sábado, 3 de maio, participaremos na Feira da Primavera do barrio de San Pedro, na que teremos unha caseta na que daremos información do proxecto, un photocall con mensaxes que promoven a integración e no que os habitantes do barrio poderán fotografarse cos seus lemas favoritos. En este mesmo espazo o alumnado dos talleres audiovisuais fará as súas primeiras prácticas nun estudo de gravación ficticio e entrevistará os veciños e veciñas do barrio para saber cal é a súa visión sobre a integración.

As entidades que participan activamente neste proxecto son: UTS Fontiñas, UTS Porta do Camiño, Programa Municipal Socioeducativo, Unidade de Atención as Migracións, Prevención do Concello de Santiago, ABEIRO Programa de apoio á familia, IES Antonio Fraguas, Cruz Vermella Xuventude, CEIP Fontiñas, CEIP Monte dos Postes, ARELA Centro de atención integral, CSC A Trisca, AVV A Xuntanza, Centro Xuvenil Don Bosco, CPR Vilas Alborada, Plataforma Galega polo Emprego, Cruz Vermella, IGAXES3 e Foro Galego de Inmigración.

© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)