Novas

Centro Quérote +
12/12/13

Campaña: Facémolo?

Facémolo é a nova campaña de Quérote+ na difusión de información sobre o VIH e a realización da proba de detección en fluído oral. A experiencia do equipo de traballo de Quérote+ neste ámbito, amósanos que a día de hoxe, continúan a existir determinadas cuestións que non están de todo claras en relación ao virus. Vías e prácticas de transmisión, detección, protección fronte ó virus,… Por iso vólvese preciso achegarse ás persoas para, ademais de ofrecer unha información clara, directa e comprensible, posibilitar a interacción e o intercambio de opinións sobre o camiño a seguir na prevención do VIH. Nos centros Quérote+ traballamos un equipo de profesionais especializados, con formación específica para o asesoramento sobre o VIH e a realización da proba de detección. Un equipo co que poderás conversar, preguntar e por suposto, realizar a proba rápida do VIH. Unha proba totalmente gratuíta, anónima e confidencial, coa que poder coñecer se existe a presenza, ou non, de anticorpos de VIH no organismo.

Estímase que o 25% da poboación portadora descoñece que ten VIH. Como é posible? Porque o VIH pode estar asintomático, é dicir, non presentar síntomas nin manifestarse externamente no corpo. A persoa pode sentirse perfectamente, sen ningún tipo de molestia ou afección. Pero a pesares de non mostrar síntomas, esa persoa, ao ser portadora do VIH, pode transmitirllo a outra persoa, esta a outra, e así é como se produce a cadea de transmisión do virus. A única maneira de detectalo é cunha proba específica, xa sexa a través de sangue ou con fluído oral, que é a que realizamos nos centros Quérote+.

O diagnóstico precoz é fundamental. Canto antes se coñeza a presenza de VIH no organismo, antes se poderá iniciar o seguimento especializado, e deste xeito, continuar a vida cotiá, tendo en conta esta nova particularidade.

http://xuventude.xunta.es/espazo-vih.html

© 2009 Concello de Santiago - Concellería de Políticas sociais, diversidades e saúde.
Rúa Isaac Díaz Pardo, nº4 - 15705 (Tlfno. 981 542 465)